Turismo responsable

O impacto do turismo de masas nos centros históricos das cidades preocúpanos a todos.

O impacto do turismo de masas nos centros históricos das cidades preocúpanos a todos. Aínda lembro aqueles tempos nos que utilizaba a catedral de Santiago como atallo para evitar a chuvia. Atravesaba desde a porta de «Azabacherías» ata a porta Oeste, pasando polo Pórtico da Gloria, para chegar ao Obradoiro e, desde alí, ao Campus Sur da Universidade. Todas as portas estaban abertas e a catedral era nosa.

Lembro tamén a primeira vez que expliquei a catedral a un grupo de turistas. O brillo dos meus ollos reflectíase nas pupilas emocionadas dunha muller que me escoitaba atentamente. A súa emoción atravesou as pedras, fusionouse coa espiritualidade do órgano barroco e penetrou na alma de todos os presentes. Naquel momento máxico, agradecín ao destino que me tocara coa súa «varita» e me permitise exercer esta profesión.

Pregúntome a miúdo, cando contemplo a beleza dunha gárgola desafiante, se algún día os fillos dos meus fillos, e os fillos destes, terán o privilexio de contemplala na súa naturalidade, golpeada polo tempo e pola historia. Cando miro con ollos de desexo a alegoría da cidade sobre os cabalos mollados na praza das Praterías, pregúntome se tanta harmonía pode ser arrebatada ao mundo enteiro e agárrome desesperadamente á tradición de tomar os viños como quen sabe que terá un final.

É Santiago nosa ou do mundo? Esta é unha cuestión difícil de resolver e, lamentablemente, non se pode responder con poesía, aínda que me gustaría. O reto está en xestionar a economía, a sustentabilidade, o coidado do patrimonio e, sobre todo, a convivencia equilibrada de todos os intereses.

Xorde, con todo, unha idea: sen a preservación da alma destes lugares, sen que as xeracións futuras poidan experimentar unha parte do que hoxe sentimos nós, non poderemos atraer máis ca hordas de turistas que, coma o vento, se desprazan sen comprender o que teñen diante.

A responsabilidade do noso traballo neste ámbito nunca foi tan grande nin tan urxente. Como un mandato ancestral, escoito na miña mente as sabias palabras dos meus antepasados, que xa falaban dos desafíos da sustentabilidade, da necesidade dun equilibrio económico e da importancia de manter intacta a nosa identidade.

É un traballo sensible, pero tamén fundamental para que a alma das nosas cidades históricas siga viva para as futuras xeracións. Non podemos permitir que a esencia do que somos se dilúa entre o ruído. Concienciar o turista forma parte do noso traballo: transmitir a linguaxe das pedras e a nosa identidade para que tamén sexan corresponsables da preservación da cultura.

As cidades pertencen a quen vive nelas. A cultura é patrimonio de todos.